Contextualización
Edición n.º 28 da Semana da lingua francesa e da francofonía
(Clicade na imaxe para obter máis información)O proxecto levarase a cabo nunha aula de 3. º ESO do IES Cidade de Antioquía, Xinzo de Limia. A materia que se vai impartir é Lingua Estranxeira Francés a un total de 25 alumnos e alumnas.
O que destaca deste grupo clase é a diversidade cultural, xa que contamos con 5 persoas provenientes de Marrocos e que se mudaron recentemente á vila. Xinzo de Limia é unha vila da provincia de Ourense que destaca pola súa gran comunidade marroquí.
A inmigración por mor de causas económicas e laborais fixeron que varias xeracións de familias marroquís se instalasen en Xinzo. Ademais disto, tamén destaca a boa e exemplar convivencia cultural entre todo o pobo.
Porén, neste grupo clase contamos con 5 alumnos/as que, por motivos familiares, chegaron hai pouco á vila. Isto implica positivamente un esforzo por parte do centro para acadar todos os obxectivos necesarios e que estas cinco persoas superen todas as barreiras educativas, culturais e sociais satisfactoriamente.
Deste xeito, na materia de Lingua Estranxeira Francés decidiuse levar a cabo un proxecto como iniciativa para conseguir unha relación positiva entre o ensino da lingua estranxeira e a mediación cultural da aula. Este proxecto noméase «Semana da lingua francesa e da francofonía». Decidiuse realizar este proxecto xa que se considera que contar con estas cinco persoas na aula é un privilexio para o resto de alumnado; alén disto, todas as persoas do grupo clase se beneficiarán desta actividade.
Por unha banda, estas cinco persoas de orixe marroquí contan cun nivel moi baixo tanto en castelán coma en galego. Porén, si falan francés ademais de árabe; débese mencionar que en Marrocos na rúa predomina o árabe, aínda que a lingua que conta con certo prestixio, tanto na Administración coma na Educación, é o francés. Deste xeito, estas cinco persoas serán chave para o resto do grupo: implicación na pronunciación, visibilidade cultural, diversidade lingüística, valores sociais...Por outra banda, as 20 persoas restantes, nativas en Xinzo de Limia, poden ser un factor moi importante para o alumnado que chegou recentemente á vila: transmisión das linguas oficiais e da propia cultura, mellor adaptación ao centro e a vila, impulso en canto ás habilidades sociais e adaptativas...
Finalmente, ademais de todas as razóns mencionadas anteriormente, a través da «Semana da lingua francesa e da francofonía» preténdese igualmente demostrar que o francés é unha lingua que se fala máis alá que Francia: Marrocos, Cabo Verde, República do Congo, Canadá, Reunión, Mayotte, Madagascar.... Deste xeito, será posible romper co estereotipo de relacionar no ensino desta lingua estranxeira unicamente o francés coa cidade de París.

Comentarios
Publicar un comentario